“O cerebro é a vida” é o título dunha conferencia que se vai desenvolver no Auditorio da Fábrica en Santa Cristina o vindeiro xoves 14 de marzo, ás 20:00 h, no marco da Semana do Cerebro, unha iniciativa que ten como obxectivo divulgar esta parte esencial do corpo humano e promover o seu coidado.
A conferencia estará impartida por Mar Sánchez Sánchez, psicóloga, terapeuta emocional, experta en estimulación cognitiva e programación neurolingüística e formadora de profesorado. Creadora de NEUROMOTIVA especialistas en formación e estimulación mental.
É unha conferencia dirixida a todas as idades, dende xente nova ata persoas maiores, pasando por familias interesadas en coñecer mais sobre os hábitos neurosaudables para os cerebros dos seus fillos ou o profesorado en desenvolver este tipo de actividades nas aulas.
Coñecer como funciona, a importancia da alimentación e dos hábitos para o seu coidado, así como as distintas formas de estimulación e de adestramento para o seu correcto funcionamento son varios dos aspectos que se tratarán para saber como mantelo sano e activo.
O cerebro é unha potente máquina responsable de controlar e regular a maioría de función vitais do corpo e da mente, dende respirar ou o funcionamento do corazón ata a memoria, o razoamento ou as emocións, polo que coñecer como funciona e como debemo coidalo contribuirá a unha mellor calidade de vida.