Acompañando na adolescencia ou cómo sobrevivir ao Big Bang emocional é o Obradoiro que a concellería de Servizos Sociais vai poñer en marcha no mes de novembro para as familias de Oleiros con rapaces ou rapazas entre 12 e 18 anos.

As inscricións serán a través da web municipal www.oleiros.org, na sede electrónica, no apartado cidadáns e empresas, en trámites on linea partir das 10:00 h do xoves 25 de outubro e ata o luns 29 de outubro ás 14:00 h.

As prazas adxudicaranse por orde de inscrición. O número de prazas por obradoiro é de 15 persoas.

O obradoiro ten como obxectivo dotar de ferramentas aos pais e nais de menores adolescentes para acompañalos nesa difícil etapa da vida, na que se cuestionan as referencias e a autoridade e se constrúe o que será a súa identidade.

Hai un grave risco de perder a comunicación ou de instalarse no conflito permanente, polo que é preciso coñecer algo mais desta etapa e ter unha capacidade de empatía e de comprensión acerca do que están a vivir os nosos fillos e fillas, para estar aí cerca, presentes, acompañando.

O obradoiro terá unha duración de 16 horas, en 8 sesións de 2 horas cada unha que se desenvolverán os martes e os xoves do mes de novembro, de 19.00 a 21:00 h, na casa da Cultura de Perillo.

A metodoloxía proposta para este obradoiro, como é habitual, será con dinámicas vivenciais, participativas e dende unha perspectiva na que o sentido do humor tamén será unha parte importante, xa que é un elemento imprescindible para a xestión emocional nesta etapa.

As docentes encargadas de impartir este obradoiro son Sara Vierna e Virgina Pañeda, dúas profesionais con ampla experiencia e coñecemento tanto neste campo, como na xestión emocional, o mindfullnes, as redes sociais e a perspectiva de xénero. Anteriormente impartiron o de “redes sociais e adolescencia” con moi bos comentarios por parte das familias que acudiron.

Agardamos que esta actividade sexa do voso interés.